Saúdo
Unhas breves palabras para comezar…
En primeiro lugar, un saúdo a todos e o agradecemento aos que visitades o noso, e dende agora o voso, blog.
Desculpádenos porque estamos a aprender o seu funcionamento, e isto nos poderá levar a realizar algunhas modificacións na presentación, formato, etc. no futuro.
O contido das entradas non seguirá unha orde ríxida. Aínda que case todas se basearán na educación dos nosos fillos no centro e as relacións coa comunidade educativa, tamén faremos mención a actividades e cursos que nos interesen a nós, os pais e ao noso enriquecemento persoal.
Teremos entradas que xurdirán das noticias, ou de preguntas que nos fagades ou que nos fixesen. Faremos referencia a publicacións e por suposto, tamén a actividades lúdicas ou festivas, tanto as que realicemos dende a ANPA coma as que poidan levar a cabo os nosos fillos cos seus educadores; en calquera dos casos, ata onde se nos permita publicar e co maior dos respectos para todos.
Por último, queremos animarvos a participar activamente nesta aventura na que estamos a poñer moito esforzo e que estamos convencidos de que nos vai proporcionar a todos (educadores, educandos e pais ) o coñecemento necesario para mellorar as relacións, de modo que nos poidamos sentir orgullosos do noso centro e da súa comunidade.
Recibide os nosos máis sinceros e cordiais saúdos de benvida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario